Comunicado de la HOAC en torno al Día de la clase obrera gallega

Con motivo del Día de la clase obrera gallega, 10 de marzo, el movimiento Hermandad Obrera de Acción Católica (HOAC) de la diócesis de Santiago, emitió el siguiente comunicado:

 

 

 

 

 

 

 

COMUNICADO DÍA CLASE DE OBREIRA

10 MARZO 2020

 

Desde a IOAC-HOAC de Santiago de Compostela sumámonos ás convocatorias efectuadas en torno ao 10 de marzo de 2020, recoñecido como Día da clase obreira galega, e que se celebra especialmente ante a urxente necesidade de poñer fin á lacra da precariedade laboral que caracteriza o actual sistema de relacións laborais e que lesiona os dereitos das persoas traballadoras e das súas familias.

 

A indecente precariedade do traballo está a afectar duramente á mocidade afundida nunha pobreza crónica que lles imposibilita un proxecto de vida; a familias cuxas necesidades básicas quedan sen asegurar ou sen cubrir, como son o teito, luz, comida, roupa ou medicamentos; e a persoas maiores que sofren unha vellez sen calidade por mor dunhas pensións indignas. Trátase de situacións provocadas por un sistema capitalista inxusto que sitúa o traballo, non como fonte de vida e dignidade, senón como recurso ao servizo imperioso do capital á conta da precariedade latente das persoas traballadoras e da exclusión de todos aos que o papa Francisco define como “descartados”.

 

Afirmamos que o traballo é esencial para a vida das persoas porque axuda a construír a nosa humanidade. A través del potenciamos, desenvolvemos e expandimos as nosas capacidades e calidades. É necesario repensar o sentido do traballo, da economía e da empresa, devaluadas na nosa sociedade. Para iso temos que esixir a políticos, gobernantes e poderes económicos uns dereitos que son básicos para a construción dunha sociedade cuxo sentido e función sirvan ao ben común.

 

Como se indica no Informe FOESSA 2019 para Galicia, o 41,6% da poboación galega atópase nunha situación precaria e conta cunha alta taxa de vulnerabilidade social. Case un de cada cinco galegos –470.000 persoas— se atopa en situación de exclusión social. O 9,1% da poboación –245.858 persoas– está nunha situación de exclusión moderada e o 8,4% –226.946 persoas– en exclusión severa.

 

A desigualdade no mercado de traballo está a impoñer o discurso de que o éxito final reside na consideración do emprego como un privilexio e non como un dereito. A precariedade laboral converteuse xa nunha forma de vida estrutural na nosa sociedade. Iso reflíctese en que a taxa de traballadores pobres é do 12,2 %, e que do total da poboación excluída, 4 de cada 10 está a traballar, o cal rompe a idea de que un posto de traballo e un salario saca ás persoas das situacións de exclusión.

 

Ante esta realidade de desigualdade e exclusión que afecta, tamén no Estado español, a millóns de traballadores e traballadoras, desde a IOAC-HOAC de Santiago de Compostela lembramos que «a política económica debe estar ao servizo do traballo digno. É imprescindible a colaboración de todos, especialmente de empresarios, sindicatos e políticos, para xerar ese emprego digno e estable, e contribuír con el ao desenvolvemento das persoas e da sociedade. É unha destacada forma de caridade e xustiza social» (Conferencia Episcopal Española, Igrexa, servidora dos pobres, 32).

 

Como Igrexa, que quere ser boa noticia no noso mundo, facémonos presentes e posicionámonos en contra daquelas situacións que atentan contra a dignidade das persoas

 

Desde estas constatacións, reclamamos:

■ Que se sitúe á persoa no centro da vida política, das relacións laborais e do traballo, a fin de abordar a indecente precariedade que descarta a millóns de persoas ao acceso “a un traballo decente e non de calquera modo”, en palabras do papa Francisco, e de facilitar o diálogo social entre os gobernos e as organizacións de traballadores e traballadoras, empresariado e axentes sociais.

■ Que se faga efectivo por parte dos poderes públicos o dereito a un traballo digno para todas as persoas, xa que o traballo é expresión da propia dignidade.

■ Que se recoñeza social e xuridicamente o traballo de coidados. Para iso necesitamos unha formulación nova de políticas sociais, de xénero e educativas que facilite unha prestación dos coidados compartida por homes e mulleres, e que posibilite unha igualdade real de oportunidades no lugar de traballo.

■ Afirmamos que o traballo é para a vida, polo que se ten que producir nunhas condicións laborais que garantan a integridade física e psíquica da persoa, e que garantan a súa protección social. Por iso reclamamos: Nin unha persoa morta máis por accidente de traballo.

 

Como xesto profético, neste Día da clase obreira galega convidamos ás distintas comunidades cristiás a celebrar a Eucaristía en acción de grazas polo don do traballo humano e como signo de solidariedade con quen sofre a deshumanización do traballo.

 

Convidamos, igualmente, a participar naquelas actividades que convoquen as organizacións sindicais para esixir un traballo decente acorde coa dignidade de toda persoa e de todas as persoas, lembrando a celebración do Día da clase obreira galega.

 

… E que os obreiros mortos no campo de honra do traballo e a loita descansen en paz.

 

Lo puedes descargar aquí

a

0 comentarios

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *