Reunión do Espazo de Encontro de Crentes Galeg@s
O pasado sábado 6 de abril, o delegado para o laicado fíxose presente nunha reunión do Espazo de Encontro de Crentes Galeg@s que se celebrou no Antigo Colexio Ramón Cabanillas, no Castiñeiriño, en Santiago de Compostela.
O tema que se abordou foi “A causa das persoas empobrecidas”, baixo un relatorio de Miguel Fernández Blanco, voceiro do Foro Galego de Inmigración, e un posterior coloquio.
A ponencia de Miguel incidiu no lugar teolóxico dos últimos, que hoxe son as persoas migrantes en situación de irregularidade administrativa, en especial as mulleres. Destacou as consecuencias contrarias á dignidade humana das persoas migrantes da Lei de estranxeiría, que non é unha cuestión teórica senón moi prácticas.
Asemade, fixo fincapé no principal problema social na actualidade, que é o problema de acceso á vivenda, que afecta moitísimo a todas as persoas, per con máis incidencia nas persoas migrantes. De aí que non só debe existir o dereito a emigrar senón tamén o dereito a non emigrar.
Por último, fixo un chamamento a ser coidadoso co turismo como unha necesidade, xa que as consecuencias no noso país son especialmente contrarias ás persoas: provocan uns traballos precarios e que non se compadecen coa conciliación da vida familiar, favorecen unha disminución significativa de vivendas en aluguer que repercute nun alza insostible da vida, un aumento de contaminación, etc.
O diálogo foi moi enriquecedor, sinalándose a importancia de implicarse na defensa das persoas migrantes, en especial na participación en iniciativas que promoven as mesmas persoas migrantes, e na obriga de contrapoñer frente aos discursos racistas, a importancia da aportación das persoas migrantes a nivel laboral, social, cultural, relixiosa, etc.
Foi un momento de encontro, de irmandade, que rematou cunha oración pola paz e denuncia das guerras actuais e un xantar fraterno.