Retiro en Sobrado no solpor do verán
A fin de semana do 19 ao 21 de setembro de 2025 tivo lugar no mosteiro de Sobrado dos Monxes o retiro organizado pola Delegación para o laicado para segrares.
As 24 persoas participantes sentímonos agradecidas de ter un espazo de meditación, reflexión e oración, persoal e colectivamente.
Por unha banda, aproveitamos para compartir coa comunidade dos monxes cistercienses, a gran riqueza da liturxia das horas. Sentir a presenza de Deus ao longo das distintas fases do día, e máis como nunha comunidade tan acolledora e agarimosa como a de Sobrado fai vida esa expresión dos mosteiros como pulmón espiritual da Igrexa.
Agora ben, a profundidade das charlas impartidas polo teólogo salesiano Xabier Blanco, así como o afondamento na mensaxe de Xesús, foron realmente motivadores para unha vivencia persoal nos tres tempos principais de Xesús, seguindo a José A. García SJ e o cardenal Martini: o primeiro tempo, onde os evanxeos amosan a Xesús falando, actuando, curando e saíndo en prol dos indefensos; o segundo tempo, en que Xesús acude en oración ao Pai, especialmente en momentos de discernir como actuar ante situacións vitais complexas; e o terceiro tempo, o da comunidade, o tempo en que Xesús forma aos discípulos e discípulas, descansa e pásao ben cos amigos e amigas.
Xabier Blanco presentou con vivacidade e pedagoxía teolóxica a Xesús, que experimenta a cercanía co Deus-Abba que o leva a predicar e vivir a paixón polo Reino dende a liberdade e a misericordia. Significativas foron tamén as charlas impartidas sobre o perdón, o pecado e a eucaristía que promovían tamén tarefas concretas para o día a día dos laicos e laicas.
Agradeceuse ademáis ter algún espazo para poder responder a dúbidas e para compartir vivencias de fe, conseguindo un espazo de confianza sereno e respectuoso tan importante nas nosas comunidades eclesiais.













