Un encontro moi proveitoso…

A mañá do sábado 13 de setembro tivo lugar no Seminario menor de Santiago de Compostela a reunión de comezo de curso organizada pola Delegación para o Laicado para representantes de movementos e asociación laicais da diocese.

Tras o momento de oración inicial, no cal aproveitouse para orar en consonancia co tempo da creación deste mes, e a presentación das persoas asistentes, entre as cales estaba o vicario de pastoral, Javier Porro, presentáronse as datas máis destacadas das actividades da Delegación para o último trimestre do 2025 e 2026.

Fíxose especial fincapé na vindeira Xornada diocesana de Apostolado Segrar coa celebración do Día da acción católica e o apostolado segrar, que terá lugar o sábado 23 de maio de 2026.

Despois dun merecido descanso cun café e infusións, o delegado para o laicado fixo unha presentación sobre o itinerario de presenza na vida pública, xurdido tras o Congreso de laicos de 2020, e que será obxecto de traballo na nosa diocese. Mantívose un diálogo sobre como afondar no compromiso dos cristiáns na vida pública a e a implementación dos Sínodos diocesano e universal.

Anímase a todas as persoas crentes a ler e traballar en común o Documento Final do Sínodo universal, que o papa Francisco acolleu como maxisterio pontificio, precisamente na terceira fase do proceso sinodal: a fase de implementación, que comezou e terá lugar desde 2025 a 2027 en todas as dioceses, incluída a compostelá.

En especial, falouse da necesidade dun discernimento, á luz da Doutrina Social da Igrexa, de acontecementos recentes e como actuar como Igrexa ante sucesos como os incendios recentes, o cambio climático ou o xenocidio en Gaza.

Finalizouse o encontro cunha chamada a camiñar xuntos e xuntas na nosa diocese, e coa invocación ao espírito da oración do sínodo universal.