Carta Pastoral do Arcebispo de Santiago de Compostela no Día do Corpus Christi. 14 xuño 2020
- Carta Pastoral do Arcebispo de Santiago de Compostela no Día do Corpus Christi (galego)
- Carta Pastoral del Arzobispo de Santiago de Compostela en el Día del Corpus Christi (castellano)
“Adoremos o Santísimo Sacramento”
Queridos diocesanos:
A solemnidade do Corpus Christi anímanos a afondar o que a Eucaristía significa na Igrexa para a vida dos crentes en Cristo. Este ano oriéntanos o lema: “Sentado á mesa con eles” (Lc 24,18), lembrando a pasaxe dos discípulos de Emaús.
O Señor no camiño da pandemia
Tamén nestas circunstancias “o Señor, compadecido da nosa enfermidade pandémica, da nosa desesperanza e soidade, convídanos a atoparnos con El no camiño e a sentar a comer á súa mesa. Espera así que, unidos a El, nos convertamos en testemuñas da fe, forxadores de esperanza, promotores de fraternidade e construtores de solidariedade no medio desta situación tan dolorosa que estamos a atravesar”[1]. Neste horizonte é oportuno lembrar que “a Igrexa vive da Eucaristía. Esta verdade non expresa soamente unha experiencia cotiá de fe, senón que encerra en síntese o núcleo do misterio da Igrexa. A sagrada Eucaristía, en efecto, contén todo o ben espiritual da Igrexa, é dicir, Cristo mesmo, a nosa Pascua e Pan de Vida, que dá a vida aos homes por medio do Espírito Santo. Por tanto a mirada da Igrexa diríxese continuamente ao seu Señor, presente no Sacramento do altar, no cal descobre a plena manifestación do seu inmenso amor”[2]. A Eucaristía, “misterio da nosa fe”, revitaliza a nosa condición cristiá. A solemnidade do Corpus Christi é especialmente un día de loanza e de adoración, de gratitude e de súplica a quen intercede constantemente por nós ante Deus Pai (cf. Rm 8,34) e que quixo quedar connosco ata o fin dos tempos (cf. Mt 28, 20), dicíndonos que “calquera cousa que fagamos aos demais a El lla facemos” (cf. Mt 25,40). Este ensino de Xesús lévanos a recoñecelo no rostro de todas as persoas, sobre todo nas máis necesitadas que a sociedade deixou ao carón na cultura do descarte.
Eucaristía e Caridade
“Non podemos enganarnos: polo amor recíproco e, en especial, polo desvelo polo necesitado seremos recoñecidos como discípulos auténticos de Cristo (cf. Xn 13,35; Mt 25, 312-46). Este é o criterio básico mercé ao cal se comprobará a autenticidade das nosas celebracións eucarísticas”[3]. Participar na Eucaristía implica asumir o compromiso de vivir en comuñón cos demais, non esquecendo a dimensión social e caritativa da nosa fe. “No corazón do Evanxeo está a vida comunitaria e o compromiso cos outros”. Neste sentido, Caritas é a mesma Igrexa, co seu carácter comunitario e, por tanto a prolongación da manifestación de amor de Xesucristo. Ha de ser factor de animación da comunidade e na comunidade, proxectándose cara á sociedade co anuncio salvífico e os xestos proféticos, como luz posta no candeeiro, e urxíndonos cara a un efectivo amor fraterno con cada ser humano.
Día da Caridade
A Igrexa en España, ao escoitar os latexos do corazón de cada persoa que sempre é sagrada, fai coincidir coa solemnidade do Corpus o Día da Caridade, convidándonos a transformar a realidade na que nos atopamos. Neste senso, ocupan un lugar privilexiado os pobres. O amor a estes é evanxeo que acolle, abraza, e libera. A opción polos pobres é “como unha forma especial de primacía no exercicio da caridade cristiá, da cal dá testemuño toda a tradición da Igrexa”[4]. Así se percibe a relevante dimensión do compromiso caritativo, parte integrante do anuncio da obra salvadora e liberadora de Xesús. O pobre interpélanos e axúdanos a evanxelizarnos. Como pobo que peregrina cara a Deus, a acción caritativa ha de realizarse na Igrexa, coa Igrexa e ao servizo da Igrexa, “que sen deixar de gozarse coas iniciativas dos demais, reivindica para si as obras de caridade como deber e dereito propio que non pode allear”[5]. Quen acolleu o amor de Deus, sente a necesidade de manifestalo a través das súas obras. Por iso, “quen queira vivir con dignidade e plenitude non ten outro camiño máis que recoñecer o outro e buscar o seu ben”[6].
Agradecéndovos vosa xenerosa colaboración económica con Cáritas para axudar os necesitados, saúdavos con todo afecto e bendí no Señor,
+ Julián Barrio Barrio,
Arcebispo de Santiago de Compostela.
[1] Mensaxe da Subcomisión episcopal de acción caritativa e social, 2020, 1.
[2] XOÁN PAULO II, Ecclesia de Eucharistía, 1.
[3] XOÁN PAULO II, Mane nobiscum Domine, 28.
[4] FRANCISCO, Evangelii gaudium, 198.
[5] Concilio Vaticano II, Decreto “Apostolicam actuositatem”, 8.
[6] XOÁN PAULO II, Mane nobiscum Domine, 9.
Fuente: www.archicompostela.es
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir!