Listado de la etiqueta: Delegación para o Laicado

A diocese de Santiago de Compostela nas XLVII Xornadas de Apostolado Segrar da Conferencia Episcopal Española

 

 

Madrid acolleu o 24 e o 25 de outubro as XLVII Xornadas Nacionais de Delegados de Apostolado Segrar e Responsables de Movementos e Asociacións, baixo o lema Igrexa que camiña coa humanidade (MH 18). Participaron de xeito presencial máis de 120 persoas de toda España, e outras 1.250 inscribíronse para seguir en liña a intervención do cardeal D. José Cobo, coa ponencia «Qué es y para qué es la Doctrina Social de la Iglesia?» . En representación da arquidiocese de Santiago de Compostela participou Francisco Durán, membro do equipo da Delegación para o Laicado.

 

 

¿Vuestros grupos están transformando la sociedad?. A pregunta do cardeal arcebispo de Madrid, formulada na súa ponencia, quedou no aire e acompañou os participantes durante todo o encontro. E non era retórica.

Nun diálogo con Cristina Sánchez Aguilar, directora de Alfa y Omega, o ponente propuxo redescubrir a Doutrina Social da Igrexa non como algo que se estuda e se garda nun andel, senón como unha ferramenta para ler a realidade. E a realidade hai que escoitala alí onde doe: no traballo precario, na vivenda que non chega, na pobreza, na exclusión. Non abonda con poñerlles remendos ás necesidades do día; cómpre ir ás causas.

Lembrou tamén que a familia, o traballo, a política, a cultura e a vida cidadá son o terreo propio dos laicos. Non é un engadido nin un voluntariado de fin de semana: vén do bautismo. De aí a súa insistencia en formar a conciencia desde o Evanxeo, sen poñer a fe ao servizo das ideoloxías, e en volver ao encontro e ao diálogo, tamén coas diferentes antropoloxías, nun tempo tan dado á polarización.

Na tarde do sábado baixouse ao concreto. Nos obradoiros presentáronse experiencias que xa están a responder á pregunta da mañá: o Hospital de Campaña Santa Anna, o discernimento político ao servizo do ben común, o traballo de Cáritas contra a exclusión e o compromiso ecolóxico vivido desde a fe. Detrás de cada unha hai persoas que contribúen a transformar a súa contorna, moitas veces sen facer ruído. O día pechou cunha visita cultural, A arte sacra como voz pública, polo Museo do Perpetuo Socorro e pola biblioteca e a capela da comunidade dos Redentoristas. Un bo recordatorio de que a fe sempre lle soubo falar á sociedade a través da beleza.

O domingo comezou coa Eucaristía, e con ela a invitación a renovar o encontro con Xesucristo como fundamento da misión e a vivir o amor a Deus e aos demais desde a proximidade, o coidado e a esperanza. Despois, na sesión Aquí e agora: sinodalidade e compromiso na vida pública, puxéronse en común boas prácticas e inquedanzas. A derradeira hora reservouse para a Conversación no Espírito, onde afloraron os ecos máis fondos das Xornadas.

 

 

 

 

23 de Maio de 2026 | Xornada festiva do Apostolado Segrar na Arquidiocese de Santiago de Compostela. Ven a celebralo connosco !

A Delegación para o Laicado da Arquidiocese de Santiago de Compostela organiza unha XORNADA DIOCESANA con motivo do «DÍA DA ACCIÓN CATÓLICA E DO APOSTOLADO SEGRAR», este ano 2026 co lema «POBO DE DEUS QUE SAE Ó ENCONTRO».

 

Será unha xornada festiva, aberta e gratuita, que terá lugar o vindeiro sábado 23 de maio na parroquia Bo Pastor de Monteporreiro, pertencente a UPA Pontevedra Norte, en Pontevedra (Rúa de Bélxica, 19). 

 

Dará comenzo ás 10:30 da mañá e rematará ás 19:00 da tarde coa Eucaristía da Celebración da Vixilia de Pentecoste na igrexa de O Bo Pastor de Monteporreiro ,  presidida polo noso arcebispo D. Francisco Prieto.

Con un Xantar compartido (cada un trae unha cousa para compartir)

Haberá actividades para os nenos, de 11:00 a 14:00 h y de 16:00 a 18:00 h.

 

O programa será o seguinte:

  • 10:30 h. Acollida
  • 11:00 h. Oración
  • 11:30 h. Ponencia por D. Carlos Nottaro (Delegado de Migracións da Diocese Tui-Vigo)
  • 12:15 h. Descanso-Café
  • 12:45 h. Traballo por grupos
  • 14:00 h. Xantar compartido
  • 16:00 h. Magazine con mesa de experiencias sobre acompañamento a persoas migrantes, maiores,… animado polo cantautor Xaquín R. Pomares
  • 18:15 h. Xesto público
  • 19:00 h. Eucaristía-Vixilia de Pentecoste  (presidida polo arcebispo D. Francisco Prieto)

 

Podes inscribirte a nivel individual ou en grupo no seguinte enlace:

Formulario de INSCRICIÓN

 

 

Sen dúbida será unha gran xornada festiva!

Contamos contigo!

Compárteo cos teus !

Descargar en PDF