Celebración Diocesana | Xornada Mundial polo Traballo Decente
No décimo aniversario da iniciativa Igrexa polo Traballo Decente (ITD), as entidades convocantes na diócese (Cáritas, ACG, IOAC, Confer, Salesianos Cooperadores, Centro de Traballo e Cultura) volven a conmemorar a Xornada Mundial polo Traballo Decente que se celebra o 7 de outubro. Este ano, co lema «Por ti, por min, traballo decente», reafirman o compromiso coa dignidade e o coidado de todas as persoas traballadoras en todo o mundo.
ACTOS NA DIOCESE DE SANTIAGO
Por tal motivo veñen de convocar una serie de actos que se van celebrar en distintos escenarios da diocese o sábado día 5 e o domingo día 6 do presente mes:
- Sábado 5 outubro , Santiago de Compostela:
Parroquia de Santa María Salomé
18:00 Concentración
18:45 Acto público e lectura do Manifesto
19:00 Eucaristía
- Domingo 6 outubro, A Coruña:
Parroquia dos Santos Anxos
12:00 Eucaristía
Parroquia da Milagrosa
12:45 acto público e lectura do Manifesto
13:00 Eucaristía
.
MANIFESTO
Na súa convocatoria deron a coñecer o Manifesto no que se denuncia a situación actual:
É un momento para reflexionar sobre o camiño realizado xuntos e xuntas, e sobre os desafíos que aínda temos por diante na procura da xustiza social e dun traballo decente, onde “o ser humano expresa e acrecenta a dignidade da súa vida” (Papa Francisco, cfr. Evangelii gaudium).
Enfrontámonos a unha realidade preocupante en España, cun desemprego estrutural onde miles de persoas queren traballar e non poden; con, aínda, demasiada temporalidade que dificulta enormemente a estabilidade dos proxectos vitais de miles de persoas traballadoras; cunha insoportable praga, a sinistralidade laboral; coa perda de poder adquisitivo dos salarios; coas dificultades de conciliación laboral e familiar, e o aumento das enfermidades psicosociais, etc… Todas elas situacións persistentes reflexo do traballo indecente existente, que non só afectan a vida das persoas traballadoras, senón que tamén socavan a súa dignidade e debilitan a xustiza social debida.
Reiteramos que a dignidade da persoa traballadora é innegociable e debe estar no centro de todas as decisións políticas e económicas. Segundo a Doutrina Social da Igrexa, cada individuo ten dereito a un traballo digno que lle permita desenvolverse plenamente como ser humano. É fundamental que se xeren oportunidades de traballo decente, protéxanse e promóvanse os dereitos laborais, sen excepción. A redución da xornada laboral pode ser unha delas.
Seguindo a encíclica Laudato si’ do papa Francisco, recoñecemos a importancia da ecoloxía integral no ámbito laboral. Débese priorizar que as actividades laboráis sexan sostibles e respectuosas co medioambiente. Isto implica promover prácticas responsables que coiden e preserven a nosa casa común, para as xeracións futuras.
Francisco lembrounos no seu discurso ao Cumio Mundial do Traballo de 2021 a importancia da dimensión do coidado no traballo, como unha forma de coidar e dignificar a vida humana. Isto implica crear contornas laborais con dereitos,participativos, seguros e respectuosos, onde se promova o coidado integral de todas as persoas traballadoras.
A procura do ben común debe ser o obxectivo principal do conxunto da comunidade, pero particularmente de quen ten a responsabilidade de articular políticas que garantan as condicións esenciais que permitan ás persoas alcanzar unha vida digna, unha vida boa. Isto inclúe garantir un traballo decente, acceso á vivenda e servizos públicos de calidade. Neste senso, tamén pedimos ao Congreso que faga posible a regularización extraordinaria de persoas migrantes.
Finalmente, ITD celebra este décimo aniversario renovando o noso compromiso por un presente e un futuro onde o traballo decente sexa unha realidade para todos, tamén no seo da Igrexa. Lembramos con gratitude a todas as persoas e institucións que contribuíron –e contribúen– a esta causa ao longo dos anos e comprometémonos a seguir loitando pola dignidade e o coidado das persoas traballadoras.