Xuntos, iluminemos Compostela e o mundo coa luz da Paz.

Hai esperanza? Ti cres?

Como todos os anos a Luz da Paz de Belén chega á nosa diocese da man da Federación dos Scouts Católicos de Galicia.

O programa da Luz da Paz de Belén achéganos ás portas do Nadal, a un paso do encontro con Xesús, Luz que alumea e ábrese paso na escuridade, converténdose en esperanza, especialmente dos máis pobres e indefensos.

O panorama mundial non é moi agradable se temos en conta as guerras actuais e a violencia, a desigualdade e a pobreza, e un sin fin de malas novas coas que nos espertamos a diario. Por iso é tan importante preguntarnos se aínda queda algo de esperanza.

A Luz da Paz chegará ás nosas mans desde a cova do nacemento de Xesús en Belén. E é, que é alí, naquela pequena cova, naquel cortello, onde se iniciou o maior cambio da humanidade. Un cambio que ten a súa orixe no amor de Deus que se transmite a través de Xesús e que nos convida a todos a vivir con amor sempre renovado cos nosos irmáns e irmás, porque en Xesús créase unha fraternidade universal. Somos luz, somos cambio é o lema elixido para este ano 2024, para facer do noso fogar, do noso mundo, un lugar máis solidario, pacífico e igualitario.

Programa 21 de Decembro: Misa | Reparto | Xesto | Canto

O programa da Luz da Paz de Belén do Movemento Scout Católico en Galicia é moi amplio, con actividades ao longo do mes de decembro. Nós só presentamos e invitamos a participar no que é o corazón desta iniciativa e que ten dous momentos (podes unirte a todo ou só a un destes momentos):

1º MOMENTO

  • Eucaristía e reparto da Luz da Paz de Belén ás 16.30h no Mosteiro de San Paio de Antealtares.
  • Saída cara a Praza do Obradoiro portando a Luz cara a Praza do Obradoiro.

2º MOMENTO (Xuntámonos na Praza do Obradoiro)

  • 17.30h (aprox) Inicio do Xesto e Canto.
  • Canto; «Cómo es posible tanto amor» (Adaptación de «Si los hombres han llegado hasta la luna» de Siempre así)., coa participación de coros parroquiais e músicos.
  • Bendición e reparto da Luz da Paz de Belén aos presentes na Praza do Obradoiro.
  • 17.55h Minuto de silencio en lembranza das vítimas das guerras e da violencia e da Dana.
  • 17.56h. Canto «Noche de Paz» «Noite de Paz»

Xesto e Canto pola PAZ mundial

Este ano, de maneira particular, a celebración en San Paio de Antealtares e o encontro na Praza do Obradoiro quere ser un grito pola paz mundial e un signo de esperanza. O Movemento de Scouts Católicos organiza cada ano este evento.

Nesta ocasión o Movemento Scotus e a Delegación de Catequese, xunto coas Delegacións de Apostolado Seglar, Pastoral Penitenciaria, Cáritas, a Delegación de Misións, Pastoral da Familia, e a Delegación da Causa dos Santos suman esforzos para que se escoite ben alto que desexamos un mundo sen guerras, sen violencia, un mundo cheo de paz, froito do amor entre irmáns.

Un xesto non vai cambiar o mundo, pero con el queremos facer visible que somos luz, somos cambio. Si! Hai esperanza!

Xuntos iluminemos o mundo coa esperanza do Nadal. Somos luz, somos cambio.

 

Chamamento especial aos coros e músicos:

Anímamos aos coros parroquiais e músicos a asistir cos seus instrumentos para acompañar este canto de unidade e fraternidade, manifestando o noso desexo de Paz, da Paz que nos trae Xesús.

Teremos un pequeno ensaio de músicos e coros ás 15.00h na Delegación de Catequese.

Comparte esta invitación e participa!

Para calquera aclaración podes poñerte en contacto a través do WhatsApp da Delegación de Catequese no número 981581285.

 

Unídevos a esta sinxela iniciativa de esperanza!

Xuntos, iluminemos Compostela e o mundo coa luz da Paz