Así se viviu a Xornada Diocesana de Primeiro Anuncio

Este sábado tivo lugar na Casa de Exercicios Espirituais de Santiago a Xornada Diocesana de Primeiro Anuncio en camiño ao Encontro nacional de laicos sobre Primeiro Anuncio do 16 ao 18 de febreiro en Madrid, organizada pola Delegación para el Laicado e a Delegación de 1er Anuncio da Arquidiocese de Santiago de Compostela.

 

 

Comezouse cun momento de oración na capela, preparado por Javier e Montse, en torno ao Espírito Santo e o encontro persoal con Cristo.

 

 

Xa nunha sala ateigada de xente (unhas 60 persoas asistentes, de toda a archidiocese) o delegado de Primeiro Anuncio, Javier García, presentou nunha breve charla unhas aclaracións en torno ao Primeiro Anuncio, e ás necesidades para impulsarlo na acción pastoral da Igrexa: cómpre xerar estruturas, hai que prepararse e involucrar a toda a Igrexa, para ser quen de xerar unha nova cultura, o que pasa por cambiar as prioridades pastorais investindo en medios, persoas e cartos, para promover procesos que formen parte da pastoral ordinaria.

 

 

Despois houbo un traballo por grupos nos que se dialogou sobre as cuestións prioritarias para animar na diocese cambios reais en torno ao Primeiro Anuncio. Tras o descanso, durante o cal reparamos forzas cun café e un biscoito caseiro, púxose en común o traballado.

Foi un espazo moi produtivo, onde se recalcou a necesidade de fomentar por unha banda a oración persoal e comunitaria para facer experiencia do amor de Deus, e por outra banda, ser testemuñas coas nosas vidas. Insistiuse na necesidade de cambiar a mentalidade para redescubrir a Xesús como modelo de vida, así como da importancia da colaboración do clero e o laicado, con consellos pastorais nas parroquias e equipos interparroquiais.

 

 

A intervención do arcebispo D. Francisco foi moi clarificadora, poñendo o acento pastoral na volta ao esencial: o encontro transformador de Xesucristo. Isto debe levarnos a tres notas: nacer de novo ao espírito, recoñecer a Deus no partir do pan e dar a vida polos demais.

O delegado para o laicado, Alfredo Losada, enmarcou a xornada no traballo pastoral en torno aos catro itinerarios surxidos no Congreso de laicos e a carta pastoral de advento do arcebispo de Santiago. Fixo fincapé en que a misión de evanxelizar ten orixe na vocación bautismal e que o compromiso misioneiro debe levarnos ao cambio das realidades máis cercanas e sentir e vivir ao estilo de Xesús de Nazaret.

 

 

 

Finalizou a xornada co envío misioneiro por parte do arcebispo D. Francisco dos asistentes da diocese ao «Encontro nacional de laicos sobre Primeiro Anuncio».