Entrevista a D. Francisco Prieto no programa “Bos días” da TVG

 

 

Fai un mes da remuda do Arcebispado de Santiago. Unha remuda que chegou despois de trinta anos en que Xulián Barrio estivo ao cargo da arquidiocese compostelá.

No Bos días estivo monseñor Francisco Prieto, que foi bispo auxiliar nos últimos dous anos; púxose á fronte dun traballo cheo de retos e e apostas de futuro.

Monseñor Prieto dixo que están sendo uns días de moito traballo e moi intensos, tanto no que afecta ao funcionamento da arquidiocese, como á situación social da cidade de Santiago.

“A arquidiocese de Santiago pon no mapa a calquera que teña que estar tomando decisións nela. Abarca tres cidades: Santiago, A Coruña e Pontevedra. Hai realidade de costa, urbana, rural. Un mosaico de xente, de xeografías, de parroquias. Pero ao mesmo tempo cunha dimensión de universalidade indiscutible, a tumba do apóstolo Santiago é unha referencia a onde acoden por todos os camiños, polo tanto unha realidade rica. Un mosaico universal certamente”.

 

Prieto asegurou que sempre sorprende coñecer que o Papa chama a un para nomealo e que é un tobogán de emocións. Pero que se sente coma na súa casa. De monseñor Xulián Barrio dixo recibir unha boa escola.

“Quedo coa sinxeleza e profundidade con que monseñor Xulián afronta as situacións. E que hai de reflexionar para que as decisións maduren e tomar decisións axeitadas. Unha sinxeleza de profunda sabedoría, de atención ás situacións, ás persoas. Unha visión como crente e tamén humana”.

 

Da súa recente visita a Roma, destacou a posibilidade de estar en “comuñón” co Papa Francisco, e intercambiar opinións con él.

“Dáste conta de que o papa está moi preto da realidade e que a coñece moi ben (…) Sorprendeume o coñecemento que ten das persoas e inviteino, para que tivera o xesto de visitar Santiago, dicíndolle que o apóstolo segue agardando a visita de Pedro, algo que el entendeu moi ben”.

.

Seguir estando presentes dun xeito distinto

Monseñor Prieto é o arcebispo máis novo de toda España e suliñou o reto que teñen por diante de renovación na igrexa. Unha igrexa conformada por curas e catequistas de idades avanzadas.

“As idades son moi altas na igrexa. Temos un reto importante para incorporar as novas xeracións. Onde ordenabamos dous curas de gran vontade de esforzo e traballo. Pero nuha arquidiocese que ten 1.070 parroquias, algunhas moi poboadas, vainos levara a reformular o xeito de atender as parroquias, cousas moi importantes na vida de moitos galegos”.

.

Recuperar o xeito de ser crente galego

O arcebispo de Santiago dixo que a igrexa está presente en todos os eidos da vida. E que hai que recuperar con naturalidade a expresión do ser galego crente.

“O emprego do galego, non é só unha linguaxe. É unha forma de ser, non o podemos esquecer é unha riqueza. Onde se expresa un xeito de vivir e tamén de ser crentes”.

 

 

Enlace para ver la entrevista:

 

Noticia extraída de: https://www.g24.gal