Exposición fotográfica itinerante “Rostros e retos do mundo do traballo”
Do 7 ao 15 de novembro, o Claustro da Hospedería de San Martín Pinario de Santiago de Compostela acollerá a EXPOSICIÓN FOTOGRÁFICA ITINERANTE “Rostros e retos do mundo do traballo”, que será presentada o venres, 7 de novembro, ás 16:15 horas.
A entrada é libre á presentación e á exposición.
O Departamento de Pastoral do Traballo da Conferencia Episcopal Española, e como parte da celebración do 30 Aniversario da POTI (Pastoral Obreira de Toda a Igrexa, aprobada pola CEE o 18 de novembro 1994) e da celebración do Xubileu dos Traballadores, organizou esta exposición para “mostrar como evolucionou o mundo do traballo e a pastoral nestas tres décadas, poñerlle cara aos traballadores e explicitar retos fundamentais como o traballo decente, a precariedade laboral, o coidado e a espiritualidade do traballo”.
A exposición está composta por 22 paneis de gran formato que combinan imaxes potentes con textos extraídos da Doutrina Social da Igrexa, testemuños reais de traballadores e reflexións sobre a fe e a xustiza social.
Entre os temas abordados atópanse a precariedade laboral, a inclusión de mozos, mulleres e migrantes, a defensa dos dereitos laborais e o coidado da “Casa Común”.
Ademais, o contido expositivo está pensado para fomentar o diálogo social e espiritual sobre o valor do traballo humano e convidar á reflexión e ao compromiso ao redor da dignidade do traballo e os desafíos do mundo obreiro.
A proposta ten un enfoque integral que non só denuncia situacións de inxustiza, senón que reivindica a esperanza como horizonte compartido, no contexto do Xubileu da Esperanza 2025.
Un dos elementos fundamentais da mostra é a conexión entre realidade laboral e vivencia da fe. Destácase o papel da Igrexa como compañeira de camiño do mundo obreiro, e o seu compromiso cun traballo decente, estable, seguro e humanizador.
Con esta iniciativa, a Igrexa reafirma o seu compromiso coa xustiza social e a dignidade de todas as persoas traballadoras, en diálogo coa sociedade e á luz do Evanxeo. A exposición pretende ser unha ferramenta de sensibilización e acción comunitaria.
















