Revisando e planificando desde o Consello Asesor de Laicos

Na fin de semana do 8 e 9 de xuño celebrouse en Madrid un Encontro do Consello Asesor de Laicos e as Comisións de traballo do Encontro de Primeiro Anuncio que tivo lugar en febreiro.

En total asistiron 18 membros do Consello Asesor de Laicos: Carlos Escribano, arcebispo de Zaragoza e Luis Manuel Romero, presidente e director da Comisión episcopal de Laicos, Familia e Vida da Conferencia Episcopal Española, e varios laicos e laicas, cunha ampla representación das provincias eclesiásticas, incluído o delegado para o laicado da diocese compostelá en representación da provincia eclesiástica de Santiago de Compostela.  Asemade tamén participaron 7 membros das comisións organizadoras do Encontro de Primeiro Anuncio (contidos, loxística, liturxia e difusión).

O sábado centrouse na avaliación profunda e completa de dito Encontro de Primeiro Anuncio, así como dunha reflexión conxunta sobre a continuidade do proceso iniciado co Congreso de laicos de 2020 «Pobo de Deus en saída».  Pola tarde aproveitouse para facer unha visita cultural ao museo e a cúpula da catedral da Almudena, onde se finalizou o día cunha eucaristía.

Na mañá do domingo púxose en común a relevancia da celebración do Congreso nacional sobre Vocacións, que se celebrará do 7 ao 9 de febreiro de 2025, no que se participará non só na súa organización senón tamén no impulso e difusión.

Tamén houbo espazo para facer un discernimento comunitario, a través de reunións por grupo coa metodoloxía da conversa no espírito, en torno ao seguinte itinerario a traballar pastoralmente así como á distribución de tarefas no seo do Consello Asesor de Laicos.