A diocese de Santiago de Compostela nas XLVII Xornadas de Apostolado Segrar da Conferencia Episcopal Española
Madrid acolleu o 24 e o 25 de outubro as XLVII Xornadas Nacionais de Delegados de Apostolado Segrar e Responsables de Movementos e Asociacións, baixo o lema Igrexa que camiña coa humanidade (MH 18). Participaron de xeito presencial máis de 120 persoas de toda España, e outras 1.250 inscribíronse para seguir en liña a intervención do cardeal D. José Cobo, coa ponencia «Qué es y para qué es la Doctrina Social de la Iglesia?» . En representación da arquidiocese de Santiago de Compostela participou Francisco Durán, membro do equipo da Delegación para o Laicado.

¿Vuestros grupos están transformando la sociedad?. A pregunta do cardeal arcebispo de Madrid, formulada na súa ponencia, quedou no aire e acompañou os participantes durante todo o encontro. E non era retórica.
Nun diálogo con Cristina Sánchez Aguilar, directora de Alfa y Omega, o ponente propuxo redescubrir a Doutrina Social da Igrexa non como algo que se estuda e se garda nun andel, senón como unha ferramenta para ler a realidade. E a realidade hai que escoitala alí onde doe: no traballo precario, na vivenda que non chega, na pobreza, na exclusión. Non abonda con poñerlles remendos ás necesidades do día; cómpre ir ás causas.
Lembrou tamén que a familia, o traballo, a política, a cultura e a vida cidadá son o terreo propio dos laicos. Non é un engadido nin un voluntariado de fin de semana: vén do bautismo. De aí a súa insistencia en formar a conciencia desde o Evanxeo, sen poñer a fe ao servizo das ideoloxías, e en volver ao encontro e ao diálogo, tamén coas diferentes antropoloxías, nun tempo tan dado á polarización.
Na tarde do sábado baixouse ao concreto. Nos obradoiros presentáronse experiencias que xa están a responder á pregunta da mañá: o Hospital de Campaña Santa Anna, o discernimento político ao servizo do ben común, o traballo de Cáritas contra a exclusión e o compromiso ecolóxico vivido desde a fe. Detrás de cada unha hai persoas que contribúen a transformar a súa contorna, moitas veces sen facer ruído. O día pechou cunha visita cultural, A arte sacra como voz pública, polo Museo do Perpetuo Socorro e pola biblioteca e a capela da comunidade dos Redentoristas. Un bo recordatorio de que a fe sempre lle soubo falar á sociedade a través da beleza.
O domingo comezou coa Eucaristía, e con ela a invitación a renovar o encontro con Xesucristo como fundamento da misión e a vivir o amor a Deus e aos demais desde a proximidade, o coidado e a esperanza. Despois, na sesión Aquí e agora: sinodalidade e compromiso na vida pública, puxéronse en común boas prácticas e inquedanzas. A derradeira hora reservouse para a Conversación no Espírito, onde afloraron os ecos máis fondos das Xornadas.

- A inspiradora conferencia online impartida por Mons. José Cobo, «¿Qué es y para qué es la Doctrina Social de la Iglesia?» está disponible no canal de Youtube, para vela, repasar os conceptos clave e compartila coa tua comunidade. O enlace directo á grabación podes atopalo aquí : CONFERENCIA ONLINE
- Mais información na nota de prensa da CEE: https://www.conferenciaepiscopal.es/jornadas-nacionales-apostolado-seglar-2026/.
















